Tuesday 17 de September de 2024

A Xunta formou no primeiro semestre do ano a máis de 5.000 ersoas na xestión sostible dos residuos municipais a través de SOGAMA


— Estas accións chegaron a distintos municipios das catro provincias galegas para dar resposta ás necesidades trasladadas por concellos, centros educativos e outros colectivos sociais na difusión de información sobre unha óptima xestión dos residuos

— Os formadores da empresa pública insisten na importancia de mellorar as competencias da cidadanía na recollida selectiva e inciden na transcendencia de poñer en valor os residuos orgánicos, tanto a nivel doméstico como industrial

— A Sociedade Galega do Medio Ambiente conta cun buscador no que os usuarios poden consultar o contedor de destino de cada un dos residuos así como obter explicacións adicionais ou complementarias sobre eles

A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), formou durante o primeiro semestre do ano a máis de 5.000 persoas no eido da xestión sostible dos residuos municipais. Estas accións divulgativas, impartidas en sesións presenciais polos educadores da empresa pública, repartíronse por distintos municipios das catro provincias da comunidade.

A celebración destas xornadas dá resposta ás necesidades trasladadas por concellos, centros educativos e outros colectivos sociais para que, mediante charlas, cursos ou talleres, o público participante aprenda como é a óptima xestión tanto dos residuos que se xeran nos fogares como nas empresas.

Precisamente, unha das cuestións que cada vez está máis presente nestas accións formativas é a importancia de poñer en valor a materia orgánica, tanto a nivel particular como industrial. De feito, parte das charlas divulgativas estiveron dirixidas á veciñanza das distintas localidades co fin de recordar a transcendencia de apostar por esa posta en valor recorrendo á compostaxe doméstica, ao depósito dos residuos orgánicos no contedor marrón ou a unha combinación dos dous sistemas.
Con ese fin, os formadores de Sogama expuxeron as bondades do aproveitamento deses restos tanto desde o punto de vista medioambiental como desde o económico e o social e detallaron cales son os procedementos e a operativa a seguir en cada modalidade.

Neste sentido, a compostaxe doméstica céntrase na xestión dos restos orgánicos na propia vivenda, para o que é preciso que os participantes conten cun terreo no que colocar o composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para que funcione axeitadamente. De feito, é importante controlar cuestións como o osíxeno, a temperatura, a humidade e que a mestura do material garde un equilibrio entre seco e húmido. Deste xeito obtense un compost de alta calidade co que fertilizar plantas e cultivos nas hortas e xardíns.

No caso da compostaxe mediante o depósito dos residuos no contedor marrón, os usuarios deben levar a fracción orgánica a eses puntos de recollida fixados polos concellos para o seu posterior transporte a unha das catro plantas de compostaxe que ten Sogama ou, se o municipio está moi afastado delas, a unha das 13 de transferencia como paso previo ao envío a unha desas catro instalacións.

Recollida selectiva

A maiores dos aspectos relacionados cos residuos orgánicos, as accións desenvolvidas polos formadores da empresa pública insisten na importancia de mellorar as competencias da cidadanía na recollida selectiva e aclaran as dúbidas existentes sobre os contedores habilitados para cada tipo de refugallo. Neste sentido, lembran que o contedor amarelo é o destino dos envases de plástico, as latas e os briks; o azul é para o papel e o cartón; o iglú verde para o vidro; o marrón para a materia orgánica; e o xenérico, para a fracción resto.
Precisamente co obxectivo de axudar á sociedade a resolver inmediatamente calquera dúbida neste sentido, Sogama conta cun buscador que, máis aló de indicar o contedor de destino de cada residuo, proporciona explicacións adicionais e complementarias de interese para os usuarios.